CRTVG

Buscar

Xustiza comezará a tramitar os indultos aos condenados do 'procés' a semana que vén

Publicado o 23/09/2020 12:48

O Ministerio de Xustiza tramitará de forma individual os expedientes de indulto dos doce condenados polo proceso independentista catalán, un procedemento que normalmente supera os seis meses, apuntan fontes deste departamento.

O titular de Xustiza, Juan Carlos Campo, revelou esta mañá no pleno do Congreso que as peticións de indulto comezarán a tramitarse a próxima semana.

O primeiro paso, sinalan fontes do Ministerio, será reclamar os informes do xulgado de sentenza, do Tribunal Supremo e da Fiscalía.

Tramitaranse doce expedientes porque a primeira solicitude que entrou no rexistro do Ministerio, en xaneiro, pediu o indulto para os doce condenados, aínda que só nove foron condenados a penas de prisión: Oriol Junqueras, Raúl Romeva, Jordi Turull, Dolors Bassa, Carme  Forcadell, Joaquim Forn, Josep Rull, Jordi Sánchez e Jordi Cuixart.

Tamén sobre Cataluña, o PP considera que a ausencia do rei na entrega de despachos do venres responde a unha cesión do Goberno aos independentistas. A quenda de réplica era para Iglesias pero non respondeu a esa acusación. Díxolle ao PP que nunca volverán gobernar.
Houbo tamén debate económico sobre impostos e a prórroga dos ERTE, cando queda unha semana para que expiren.