CRTVG

Buscar

Xunta e sindicatos reúnense mañá para definir as condicións en que os escolares van comezar as clases o curso que vén

Publicado o 15/07/2020 15:47

Xunta e sindicatos reúnense mañá para definir as condicións en que os escolares van comezar as clases o curso que vén.

En infantil e primaria haberá aulas burbulla onde os alumnos poden interactuar sen distancia de seguridade e sen máscara. Iso si, non poderán ter contacto cos cativos doutras clases. A partir da ESO levarán a máscara ata que estean sentados. Na aula terán un metro de distancia entre cadeiras se miran na mesma dirección e metro e medio se están enfrontados. Fóra da aula a máscara é sempre obrigatoria.

Nos recreos haberá que levar máscara. Estableceranse quendas e limitaranse os espazos para grupos de 50 alumnos que poidan mater a distancia de seguridade.

O comedor tamén poderá organizarse por quendas e os rapaces terán que estar separados por un metro se miran na mesma dirección e metro e medio se miran un cara ao outro.

Se é posible habilitaranse entradas diferentes segundo a etapa educativa e se non se pode estableceranse quendas.

Neste caso deberán seguirse as recomendacións de Sanidade e mesmo poderán pecharse aulas ou todo o centro.

As clases retomaranse de forma presencial, pero a partir de terceiro de primaria a educación virtual usarase se hai brotes. Nos cursos inferiores haberá fórmulas alernativas como as videochamadas. Porase atención aos cativos con dificultades no acceso ás tecnoloxías. Os mestres van recibir formación neste campo.

Antes de iniciar o curso a Xunta vai realizar tests serolóxicos a todo o persoal dos centros educativos.

Noticias web

15/07/2020