CRTVG

Buscar

Xulgan un home acusado de violar unha moza no Monte de San Pedro

Publicado o 11/02/2021 13:39

Na Audiencia Provincial da Coruña xulgan un home acusado de violar unha moza. Os feitos remóntanse á madrugada do 6 de setembro de 2019.

Segundo declarou a vítima, detrás dun biombo, ela acompañaba un amigo que se atopaba mal e o acusado que conducía polo paseo marítimo da Coruña, ao velos, detivo o coche e ofreceulles axuda. Ambos os dous subiron ao vehículo e o acusado levou o mozo á casa. Alí, a vítima volveu entrar no automóbil para recoller o bolso e nese momento, segundo explicou, o investigado aproveitou para poñer o peche centralizado, arrancar o motor e dicirlle que ían manter relacións sexuais. Engadiu que a levou a unha zona solitaria do Portiño, no Monte de San Pedro, e alí sentiuse intimidada, asustada e que mesmo chegou a temer pola súa vida.

Pola súa banda, o acusado recoñeceu todos estes feitos. A Fiscalía pedía dez anos de cadea e a acusación particular, 14. Pero tras escoitar a confesión do acusado rebaixaron a pena a 9 anos de prisión. Unha pena á que tamén se adheríu a defensa.

José Ramón Sierra, avogado da defensa: "Hai unha serie de circunstancias que nos levaron a recoñecer os feitos, quizais un pouco externas ao xuízo en si: os antecedentes policiais do acusado, o que nos levou á conclusión de que era preferible asumir a auoría destes feitos cunha rebaixa tan considerable".

Esta mañá declararon tamén dúas amigas da vítima. Manifestaron que lles enviou unha mensaxe ao móbil pedindo auxilio e tamén a localización, e ao chegar onda elas díxolles que un home a violara.

O xuízo xa quedou visto para sentenza.


 

Noticias web

11/02/2021