CRTVG

Buscar

Unha suposta vítima de abusos di que a parella da súa nai a obrigaba a manter relacións desde os 12 anos

Publicado o 18/05/2021 14:03

Na Coruña xulgaron un home por, presuntamente, agredir sexualmente a filla da súa parella desde que fixo os doce anos. A Fiscalía pide para el 15 anos de cadea e dez meses máis por outro delito de lesións. Porén, esta mañá o investigado declarou que non é autor deses feitos. Só quixo responder ás preguntas da súa avogada e manifestou que o motivo da denuncia foi por vinganza, porque, tanto el como a nai da menor se negaron a darlle os cartos da pensión de orfandade que cobraba tras a morte do pai. Mesmo contou que chegou a ameazalo con arruinarlle a vida cando fose maior de idade.

A suposta vítima, que ten agora 19 anos, asegurou que comezaron a manter relacións sexuais cando fixo os doce, cunha frecuencia semanal, e que o investigado a ameazaba e a castigaba se trataba de resisitirse. Contou tamén que el se amosaba celoso coas posibles relacións que puidese ter con outros mozos e que exercía un control absoluto sobre ela. Aguantou así, dixo, ata decembro de 2019.

Explicou que o día de Nadal, tras pasar a noite fóra da casa, chegou á hora de xantar e que o procesado se enfadou con ela e esixiulle que lle entregase o teléfono móbil. Aí mantiveron un forcexo e ela sufríu unha contusión costal. Ese mesmo día, tras acudir a un centro de saúde polas lesións, decidiu denunciar todos os feitos. A defensa cre na inocencia do seu cliente, di que non hai probas de cargo suficientes e solicita a libre absolución. O xuízo quedou visto para sentenza.

Noticias web

18/05/2021