CRTVG

Buscar

Xulgan un home acusado de abusar dunha moza aproveitando o seu estado de embriaguez

Publicado o 23/10/2019 14:35

A vista celebrouse na sección quinta de Vigo. O acusado, maior de idade e con antecedentes penais non computables, negouse a declarar. A vítima, unha moza de dezanove anos, fíxoo por videoconferencia e sen medios de comunicación na sala. Os feitos pasaron en febreiro do pasado ano. Ambos estaban nunha discoteca con outras persoas e coñecíanse de vista.

Segundo o escrito da Fiscalía, ela, que estaba baixo os efectos do alcol, decide marchar á casa e o acusado, sabedor do seu estado e tamén baixo a influencia de bebidas alcólicas, decide levala no seu coche. É aquí onde supostamente se abalanza sobre ela a pesar da negativa da muller.

O suceso produciuse sobre as nove da mañá. A vítima, horas despois, acode ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e os feitos son denunciados un día despois. As propias médicas forenses que a atenderon, testemuñas no xuízo, confirman que no recoñecemento se atopa seme na zona vaxinal da muller. O Instituto Nacional de Toxicoloxía confirma que o seme atopado pertence ao seu noivo e ao acusado.

Amais das médicas forenses, no xuízo prestou declaración unha amiga de ambos que estaba con eles esa noite. No seu testemuño relata que é a moza quen lle pide a el que a leve á casa e que o acusado volve cinco minutos despois ao lugar dicindo que marchou nun taxi.

O xuízo quedou visto para sentenza. A acusación particular súmase ás peticións da Fiscalía. Para el piden sete anos e cinco meses de cadea por un delito de abusos sexuais sen consentimento, prohibición de achegarse a menos de cen metros da vítima e non comunicarse con ela durante dez anos. Tamén por danos morais o procesado podería pagar uns 6.000 euros. A defensa negou os feitos e pide a súa absolución.

Noticias web

23/10/2019