Xulgan un gandeiro de Lugo acusado de tentar matar unha veterinaria
Cinco anos de cadea e 3.000 euros de indemnización solicita a fiscalía para un gandeiro de Ribadeo acusado de tentar matar unha controladora do leite. Os feitos producíronse durante unha inspección na granxa do acusado, quen recoñeceu que agredira a muller. A defensa pide a libre absolución do home por considerar que non había intención homicida e que daquela padecía unha forte depresión, pola que estaba a tratamento.
Este gandeiro de Ribadeo está acusado de tirar ao chan e tentar asfixiar co propósito de quitarlle a vida a controladora de leite que visitaba periodicamente a súa explotación. A Fiscalía de Lugo considera probado que o home lle causou unha ferida na cabeza que precisou de intevención cirúrxica e que a muller só puido salvarse grazas á intervención do irmán do acusado, que conseguiu frear a agresión e facilitar que a muller fuxira. Por eses feitos, a fiscala solicita unha condena de cinco anos de cadea e unha indemnización de 3.000 euros polo delito de homicidio en grao de tentativa. A acusación particular vai máis aló e pide que sexan oito anos de cárcere a condena imposta.
Ana María Veiga, avogada da acusación particular: "Cremos que o agresor sabía o que facía e que causou feridas moi serias. A vida da demandante estivo en perigo moi serio".
O acusado recoñeceu que agredira a muller, pero di que non lembra o que aconteceu. A súa defensa alega que o home padecía daquela unha forte depresión polas débedas que acumulaba a granxa, polo recente falecemento da súa nai e por ter que facerse cargo do seu irmán, que padece esquizofrenia.
Os feitos producíronse na sala de muxidura mentres se realizaba o control leiteiro. Ao parecer, o detonante foi un comentario da controladora sobre a perda de calidade do leite. O forense declarou que o estado mental do acusado o mantiña privado de boa parte das súas facultades. Tamén dixo que a ferida na cabeza da muller puido producirse ao tirala ao chan o acusado e que non era de gravidade elevada.
Antes da vista, as partes tentaron chegar a un acordo, pero non foi posible por discrepancias entre elas e por reparos da fiscalía. O xuízo quedou visto para sentenza.