Xulgan tres mozos irmáns acusados de roubos con violencia na Barbanza
No xulgado do penal de Santiago celébrase o xuízo contra tres mozos, irmáns e naturais de Ribeira, que están acusados de varios roubos con violencia cometidos en 2018 na comarca da Barbanza.
Os acusados levan case dous anos presos en Teixeiro e enfróntanse a un pedimento de condenas que, en conxunto, ascende a 76 anos de cadea.
Manuel López Montemuíño e mais os seus irmáns Anxo e Alexandre, que son xemelgos, están acusados de participar en ata oito roubos con violencia cometidos na Pobra, Boiro e Ribeira en setembro de 2018.
Os botíns que se lles atribúen nesas accións van desde os 20 ata os 400 euros. Pequenos paus pero nos que os acusan de utilizar violencia con armas coma un coitelo, unha porra eléctrica ou un machado.
Por exemplo, dous dos roubos son a repartidores de pizzas aos que presuntamente chamaban facéndolles un pedido. Ou ao traballadsor dunha gasolineira... ou a unha señora de 79 anos á que, segundo a acusación, agrediron para lle quitar 30 euros.
Tamén están acusados de receptación por ter teléfonos móbiles roubados. Presuntamente roubaban para se drogar nunha etapa na que os tres eran consumidores.
Na vista recoñeceron ante a xuíz e a fiscala o consumo de drogas, pero negaron a maior parte dos feitos. E non están acusados os tres de participar en todos os casos.
O maior pedimento de cadea é para Manuel, ao que tamén se coñece coma Egidio: 32 anos e medio. Para seus irmáns ata 25 e 18 anos. En total 76 anos de prisión.
Foran detios en setembro de 2018 e desde aquela permanecen presos no cárcere de Teixeiro.