Aprazan o xuízo por corrupción contra Sarkozy pola enfermidade dun dos acusados

O xuízo por corrupción contra o expresidente francés Nicolas Sarkozy foi aprazado, poucos minutos despois de comezar este luns, a petición dos avogados dun dos acusados, o maxistrado Gilbert Azibert, por mor do seu estado de saúde.
A presidenta do tribunal ordenou un exame médico do acusado que debe ser entregado antes do próximo xoves, cando está previsto que reabra un xuízo no que Sarkozy afronta unha condena de ata 10 anos de prisión e un millón de euros de multa.
Sarkozy, que presidiu Francia entre 2007 e 2012, converteuse hoxe no primeiro expresidente francés que senta no banco dos acusados por un caso de posible corrupción e tráfico de influencias sacado á luz por unhas escoitas xudiciais.
Xunto a el, están acusados o seu avogado de toda a vida, Thierry Herzog, e o maxistrado Azibert, de 73 anos, o único dos tres que non se trasladou ao tribunal alegando problemas de saúde incompatibles coa actual pandemia de covid-19.
"Dada a súa idade e os seus antecedentes clínicos, con problemas cardíacos e respiratorios, os médicos aconsellaron ao meu cliente non viaxar a París neste contexto de pandemia. O meu cliente está moi interesado en testificar en persoa neste xuízo", declarou o avogado de Azibert Dominique Allegrini.
A Fiscalía opúxose ao atraso do xuízo e alegou que, no peor dos casos, o acusado pode testificar por vídeoconferencia, tal e como está rexistrado nas normas xudiciais ditadas polo Goberno para adaptarse ao coronavirus.
O atraso do xuízo non evitou a imaxe dun expresidente entrando nun tribunal para sentar no banco dos acusados, algo inédito en Francia.
Unha foto que evitou o seu antecesor no cargo, Jacques Chirac, cuxos problemas de saúde permitíronlle ausentarse do xuízo por corrupción no que foi condenado en 2011 polo financiamento ilegal do seu partido a través de empregos ficticios da súa etapa á fronte da Alcaldía de París.