CRTVG

Buscar

Xulgan catro acusados de maltratar unha muller que traballaba nun club e esixirlle os cartos

Publicado o 09/11/2020 14:26

Na Coruña, comezou na Audiencia Provincial un xuízo por malos tratos, extorsión e detención ilegal. Segundo o escrito da Fiscalía, o principal acusado maltrataba fisicamente e obrigaba a exercer a prostitución por varios clubs de alterne a presunta vítima, coa que mantivera unha relación sentimental.

"Hai dous feitos principais, un o 28 de setembro e outro o 2 de outubro. Dise que o meu cliente foi ao lugar onde traballaba esta muller, meteuna á forza nun coche e estivo retida uns días", explica Diego Reboredo, avogado do principal acusado.

Foi o que declarou a vítima detrás dun biombo. Engadiu que canda ao principal investigado ían outros dous homes que viron como lle pegaba no interior do coche sen facer nin dicir nada. Explicou tamén que a súa ex-parella lle esixía todos os cartos que gañaba traballando e que, o día de autos, ao chegar á casa de Betanzos, onde vivían e lle petaba habitualmente, estivo retida e vixiada en todo momento para que non puidera fuxir.

Unha versión que negaron os catro procesados. O que foi a súa parella si recoñeceu que discutiran, pero dixo que nunca a agredira, que nunca lle pedira cartos e que ela exercía a prostitución voluntariamente.

"Ela non estaba retida, podía saír, dispoñía de móbil e saía facer a compra...", engade Diego Reboredo.

O principal acusado enfróntase a case vinte anos de cadea. Os outros tres a penas de entre 5 e 3 anos de prisión.

As defensas solicitan a libre absolución.

Noticias web

09/11/2020