CRTVG

Buscar

Xulgan o instalador acusado de cometer varias agresións sexuais en Lugo

Publicado o 09/03/2020 14:05

Os feitos que se xulgaban remóntanse a 2016. O mozo, que estivera traballando na instalación de fibra óptica do edificio en que vivían as vítimas, aproveitou esta circunstancia para cometer as agresións sexuais ao coñecer de primeira man os distintos cuartos das zonas comúns do inmoble.

Na primeira agresión, o acusado, agochado no portal, asaltou a vítima e baixo ameazas levouna ata o cuarto dos contadores; alí obrigouna a facerlle unha felación. O mozo actuaba ocultando o seu rostro. Uns meses despois, actuou por segunda vez no mesmo edificio, nesta ocasión non chegou a consumarse a agresión, xa que cando a vítima comezou a berrar pedindo axuda, o marido fixo que o agresor fuxise por temor a ser descuberto. A unha terceira vítima non chegou a asediala ao ver que a muller falaba por teléfono.

Hoxe, no tribunal, o mozo recoñeceu todos os feitos e pediu desculpas ás vítimas, tamén pola psicose que provocaran na cidade as súas agresións. Finalmente houbo acordo e aceptou unha condena de seis anos e medio de prisión fronte aos once anos que se pedían inicialmente polos delitos de agresión sexual e tentativa de agresión.

Segundo o avogado da Defensa, Jorge Martínez: "Houbo unha negociación bastante dura, chegamos a un punto en que ainda que ningunha das partes estaba totalmente satisfeita era o mellor acordo. Con isto evitamos que as vítimas teñan que revivir o sucedido".

Para rebaixar a pena, a Fiscalía considerou como atenuante a reposición do dano pola indemnización anticipada das vítimas, e aplicáronse as dilacións indebidas. O que si se mantivo é a petición de liberdade vixiada para o acusado durante oito anos. Así o manifestaba o avogado da acusación, Gonzalo Díaz:

"Son oito anos de liberdade vixiada desde que saia de prisión; tendo en conta os tres casos que houbo e o perfil dun depredador sexual, non é só que estea en prisión, senón que despois o Estado teña algunha forma de controlar os seus movementos".

O xuízo quedou visto para sentenza.

Noticias web

09/03/2020