CRTVG

Buscar

Xulgan unha parella, detida tras unha perigosa persecución, que está acusada de traficar con heroína

Publicado o 22/06/2020 13:52

A parella senta no banco dos acusados da Audiencia da Coruña por uns feitos acontecidos en decembro do ano pasado. Segundo a fiscala, escaparon dun control da Garda Civil na Pereira, en Santa Comba, de madrugada, a bordo dun coche que era do home e que conducía el, sen ter carné de conducir.

Finalmente, detivéronos en Noia, despois de perseguilos varias patrullas. Os gardas aseguraron que o home conducía a gran velocidade e de xeito temerario, e que logo se resistiron ao arresto. No rexistro atopáronlles uns cincuenta gramos de heroína valorada en máis de catro mil euros, outra pequena cantidade de cánnabis, un caderno con anotacións para levar conta da venda da droga e 1.270 euros en billetes.

A fiscala acusa o condutor do vehículo de sete delitos e pídelle un total de 14 anos e medio de cárcere. Para a súa acompañante pide seis anos por un delito contra a saúde pública e outro de resistencia a axentes da autoridade.

Ambos están en prisión e din que a persecución a inventaron os axentes da Garda Civil. A muller recoñeceu que levaba a heroína, pero dixo que era para consumo propio. As súas avogadas piden que os absolvan.

 

Noticias web

22/06/2020