CRTVG

Buscar

Xulgan La Manada de Bilbao e piden 80 anos de cadea

Publicado o 07/05/2019 14:18

O caso que conmocionou Bilbao a principios do 2017 chega aos tribunais. A Audiencia de Biscaia xulga desde hoxe tres homes acusados de abusar sexualmente dunha moza de 18 nun local de máquinas expendedoras. O ataque foi gravado cun móbil e enviado por un deles a un contacto a través de WhatsApp.

Despois de coincidir nunha discoteca coa vítima, dous dos acusados e a rapaza foron a unha instalación de máquinas expendedoras sobre as sete da mañá. Alí, aproveitándose do seu estado fráxil polo consumo de alcol e cánnabis, acurralárona e abusaron dela.

O terceiro implicado chegou algo máis tarde pero, cando ía participar na agresión, apareceron dous empregados da limpeza e os homes fuxiron. Ademais do vídeo gravado co teléfono, hai imaxes dunha cámara de vixilancia do lugar.

A Fiscalía reclama un total de 79 anos de cadea: 26 para dous dos acusados e 27 para o terceiro polos delitos de abusos e revelación de segredos pola gravación difundida, á vez que considera os tres cómplices dos feitos e inclúe a agravante da situación desvalida na que se atopaba a vítima.

Ao procesado que chegou minutos despois impútaselle un delito de abuso sexual en grao de tentativa. A acusación particular eleva a petición a 106 anos.

Os imputados foron detidos un mes despois da agresión e quedaron en liberdade. O pasado verán, reingresaron en prisión preventiva ante o risco de fuga e a proximidade do xuízo. A vista celebrarase integramente a porta pechada para preservar a intimidade da vítima.

Noticias web

07/05/2019