Xornada distendida en Cataluña con tres partidos en cabeza e veto secesionista ao PSC
Os candidatos dos distintos partidos en Cataluña protagonizaron este sábado a foto tradicional diante do Parlament. Transmitían unha imaxe de distensión en medio de diálogos cruzados. Todo un contraste cunha campaña marcada pola dura pugna dialéctica, o veto dos independentistas a Illa e unha batalla entre tres formacións que chegan practicamente empatadas á cita coas urnas.
O PSC, Junts e Esquerra Republicana disputan o triunfo, pero a aspiración a un posible pacto transversal de Salvador Illa quedou neutralizada polo denominado "cordón sanitario" do independentismo. Laura Borràs e Pere Aragonès tamén dirimen un longo combate desde o ano 2017 entre Junts e Esquerra para determinar a hexemonía entre os soberanistas. A todo isto, é posible que a CUP determine en boa medida o camiño que tomará o futuro Govern e que o PDeCat caia na irrelevancia institucional.
No bloque non independentista, a remuda será considerable. Salvador Illa e o PSC están chamados a ocupar o liderado que lograra Cudadanos hai pouco máis de tres anos. Iso si, as opcións de goberno de Illa son agora moi limitadas. As enquisas prefiguran tamén a emerxencia con forza de Vox e do seu candidato, Ignacio Garriga, en detrimento da formación laranxa e do PP. As sondaxes danlle a opción de converterse na cuarta ou quinta forza, mentres que En Comú Podem obtería un resultado discreto, malia a implicación de Pablo Iglesias na campaña con declaracións rechamantes.
En definitiva, o domingo despexarase este crebacabezas de nove formacións políticas con opcións de entrar no Parlament.