CRTVG

Buscar

Xornada de vacinacións masivas tamén en Vigo e Ourense

Publicado o 06/06/2021 21:48

Máis de 17.000 persoas, a maioría de 50 a 59 anos, estaban citadas para vacinárense este domingo en Galicia. Máis da metade, aquí, en Vigo, no IFEVI.

"Temos 22 liñas abertas, oito persoas na carga, aínda que temos que mover xente de dentro para fóra, imos movéndonos todos".

Un amplo equipo de persoas, adestrado e sincronizado, encárgase de que todo flúa o máis rápido posible. Uns organizan as ringleiras, outros chequean os datos e outros abastecen os postos para que as enfermeiras que inxectan non teñan esperas.

"Prepárase para diluír, neste caso a de Pfizer, e despois imos cargando para que os compañeiros cheguen cada dous minutos a recoller vacinas para levar para os postos".

En Ourense, tamén tocou Pfizer. A primeira dose, entre 50 e 59 anos. Aquí, pavillón de deportes Paco Paz, estaban citadas 2.400 persoas.

"Tiña bastantes ganas. Estaba máis tranquila desde que vacinaron os meus pais, pero teño rapaces novos na casa e así estou máis tranquila".

Outras tantas persoas pasaron o sábado, e o luns empezan cos de corenta.

"Canto antes mellor, todos, para estar un pouco libres".

"Eu creo que si. Non imos vivir toda a vida coas máscara e cada un en súa parte, creo que ata nos imos facer máis ariscos".

Un paso máis preto, din, de recuperar as apertas.

Noticias web

06/06/2021