Xornada de mobilizacións en Alcoa, á espera da decisión do Supremo sobre o ERE
Con barricadas na estrada de acceso e con lume ás portas da factoría, os traballadores de Alcoa volveron mobilizarse nunha xornada clave. O Tribunal Supremo debate sobre a legalidade do ERE.
Agardan unha resolución favorable, pero lamentan ter que depender da xustiza. Din que a solución depende do Goberno, do que din que tiveron moitas palabras pero poucos feitos.
Están en xogo 524 empregos directos. Algúns dos afectados levan aquí máis de 40 anos. É o caso de Manuel, que agora non pensa tanto nel senón nos compañeiros.
Agora todos están pendentes da decisión do Tribunal Supremo.
Mentres os traballadores de Alcoa se manifestaban na rúa, no Parlamento de Galicia aprobábase unha iniciativa para demandarlle ao Goberno central medidas en favor da industria electrointensiva.
A proposta que presentou o PP pide incrementar o máximo posible as compensacións por emisións de CO2 e tamén solicita a intervención pública de Alcoa. Saíu adiante co apoio do BNG e a abstención do PSdeG.
Noutra proposta, nacionalistas e socialistas demandaban á Xunta apoiar os traballadores de Vestas na defensa dos seus postos de traballo. Estes puntos aprobáronse por unanimidade.