CRTVG

Buscar

Xornada de limpeza e avaliación de danos en Ourense tras as inundacións do martes

Publicado o 17/06/2021 21:19

En Ourense choveu durante todo o día, pero de xeito intermitente e con moita menos intensidade ca onte. Se ata media tarde se rexistraon ao redor de 8 litros por metro cadrado, onte foron 22 pero en só 20 minutos. Unha chuvia torrencial que anegou garaxes, negocios e ata colexios. Moitos, hoxe non puideron abrir.

Ningún dos arredor de 40 coches que durante a treboada estaban aparcados na rúa Serra Martiñá puido saír polo seu propio pé. Trasladáronnos con guindastres, directamente ao taller.

Manolo Fernández, ten un taller: "A centraliña do airbag estragada... o coche agora, ao poñerlle o contacto, acende as luces só, conecta os limpaparabrisas...".

O propio taller, a pé de rúa, tamén sufriu danos. A auga, que aquí entra con frecuencia, avaríalle a maquinaria.

"Cada vez que vén unha tormenta, por pouco que chova, entra auga e estraga o frenómetro, o banco de suspensión... todo", sinala Manolo.

As riadas da zona vella, con ondada incluída, tamén causaron estragos.

"O chan, totalmente inundado, xa ves que está levantado, tivemos que deixar de traballar. Foi un susto grande", di un comerciante.

Tamén aquí se queixan de que o problema está nunha rede de sumidoiros obsoleta e insuficiente.

"Estabamos na casa, vendo o local polas cámaras, e non puidemos facer nada porque non podes entrar na rúa. Ou entras con barca, ou non entras", comenta outro comerciante.

Noutros sitios, a auga entrou polo tellado. É o caso deste colexio, que tivo que suspender as clases.

Xosé Manuel Rego, director do colexio Manuel Sueiro de Ourense: "Das 9 aulas que temos, 6 están inutilizadas, o cheiro a humidade é moi alto, houbo fallos eléctricos...".

Un regueiro de danos pendentes aínda de cuantificar.

Noticias web

17/06/2021