Xornada de vacinación sen cita en Expocoruña para persoas pendentes de iniciar a inmunización
David agarda vez para recibir a segunda dose de Pfizer. "Non puiden asistir á segunda cita porque me contaxiei e veño agora a ver se poden vacinarme", explica. Acode sen cita previa, aproveitando esta xornada que o Sergas destina ás persoas coa vacinación pendente por casuísticas diversas. Acceden ao interior do recindo do Ifecco por unha porta distinta á das persoas que si recibiron citación.
A coordinadora de vacinación, Cristina Gómez Lendoiro, detalla que "están citadas unhas 3.500 persoas principalmente para primeiras doses e despois hai unha previsión estimada dunha serie de doses para persoas que desexan vacinarse, pero sen cita".
O luns e o martes haberá vacinación sen cita previa para a comunidade universitaria, alumnos, persoal docente e traballadores administrativos. Tamén será en Expocoruña.