CRTVG

Buscar

Os cribados para detectar asintomáticos rexistran unha participación do 75 %

Publicado o 14/12/2020 09:36

Tres cuartas partes das persoas chamadas a participar nos cribados realizados en Galicia durante a primeira semana de decembro acudiron á convocatoria. Isto é, das 21.000 persoas convocadas, non asistiron a facer as probas 4.800.

Moaña é unha das localidades onde se está realizando un cribado masivo. Aquí, a resposta está sendo boa, cunha participación diaria dunhas 1.000 persoas.

Nas carpas instaladas fronte á confraría, os maiores de 71 anos poden acudir para realizar unha PCR nasofarínxea. O resto da poboación entrega unha mostra de saliva que será analizada polo método pooling.

Algúns recollen o tubo de mostras e escoitan as explicacións de como recoller a mostra en xaxún, e outros xa entregan a mostra noutra carpa distinta. Os maiores acoden ás da PCR.

Todos son conscientes do importante que é a súa colaboración e da seguridade que terán eles e toda a localidade cando lles chegue o resultado a mediados da vindeira semana.

As probas nesta vila do Morrazo continúan ata mañá.

Gromos preocupantes na Rúa

Outro dos municipios onde se realizan cribados é A Rúa, onde o número de contaxios non deixa de medrar. Os últimos datos sitúan o número de positivos en 28, e o Sergas elevou nesta vila o nivel de alerta a medio alto.

Fanlles a PCR a veciños de 30 a 60 anos. A coordinadora do cribado, Ana Gómez, subliña que é a franxa de idade en que se rexistraron máis casos.

O alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, indica que hai unha serie de gromos que non teñen "moita conexión entre si" e que se decidiu facer un cribado que permita cortar a transmisión do virus.

Nun ou dous días recibirán unha mensaxe no móbil co resultado.

A Rúa xa estivo en vixilancia especial durante semanas polo incremento de casos relacionados con varias festas. Conseguiron controlar a situación pero agora repuntou, por iso se incrementaron as restricións con peche perimetral e redución da ocupación nos establecementos.

O cribado permitirá localizar asintomáticos para tentar cortar a cadea de trasmisión do virus.

Noticias web

14/12/2020