CRTVG

Buscar

Xinzo afronta o primeiro día en nivel de alerta máxima excepcional por mor da covid-19

Publicado o 21/01/2021 16:01

Xinzo afronta un día dificil, entran en vigor as restricións de nivel máximo con medidas excepcionais decretadas polo Goberno galego. Ante o preocupante incremento dos casos de covid-19, Sanidade decidiu pechar toda a actividade non esencial. O comercio recibe a norma con resignación e inquedanza.

"Aféctanos moitísimo", asegura Concha Conde Sampedro, a presidenta de Pro Limia, "porque a pandemia afecta en todos os sentidos, pero economicamente tamén porque a xente ten o seu medo, hai moitos positivos e moita xente confinada".

A hostalería ve restrinxida tamén a súa actividade, só poden servir bebidas e comida para levar ou servizo a domicilio. No sector lamentan que se permitira relaxar as medidas durante as datas de Nadal.

Alberto Rúa Bolaño, presidente da Asociación de Hostalería da Limia, sostén que o máis lóxico sería que se pechase nas festas de Nadal, porque "son festas que se move moita xente e era case visto o que podía pasar cos positivos, e viuse".

En Xinzo agora só se permiten as reunións entre conviventes. E a recomendación das autoridades sanitarias é que a xente quede na casa.

"Eu creo que agora estámolo collendo con moitísimo máis medo que das primeiras veces, hai moitos casos e hai que estar na casa", di unha veciña, mentras que outra opina que "tiñamos que ser máis responsables e non pensar só nun mesmo, senón en todo o mundo".

Xunto con Xinzo, Arteixo e Viveiro son os outros dous concellos onde se aplicaron restricións de nivel máximo con medidas excepcionais.

Noticias web

21/01/2021