CRTVG

Buscar

'Xantar na casa' chega a 2.000 fogares galegos

Publicado o 12/06/2020 17:56

O plan de recuperación social de Galicia estende o programa 'Xantar na casa' a 2.000 fogares galegos. Un servizo que sumou novos usuarios de emerxencia pola pandemia.

O programa leva máis dunha década repartindo menús entre persoas maiores e dependentes que non poden cociñar, especialmente se carecen dunha rede de apoio familiar.

Coa pandemia reforzouse este servizo, sumando xantares de urxencia para uns 300 usuarios de centros de día, e agora volve medrar para chegar ata 2.000 fogares. Os servizos sociais dos concellos que participan encárganse de identificar os potenciais usuarios.

Se cumpren os requisitos, recibirán a visita desta furgoneta cun menú para cada día da semana. Unha visita que leva moito máis que comida a uns fogares solitarios.

José vive só e non pode cociñar. Pero Javier encárgase de que non lle falte un prato quente na mesa. Cada xoves énchelle a neveira cun menú variado para quentar no microondas.

Ir á compra, cociñar, manexar os fogóns son tarefas que xa non poden asumir Elvira e Juan. Viven sós na aldea e a visita tráelles moito máis ca comida.

O peche de centros de día e ocupacionais pola pandemia estendeu este servizo a uns 300 novos usuarios, os do Xantar na casa de emerxencia. Moitos, quedarán no programa de xeito regular.

Xantar na Casa chega a 176 concellos, sobre todo da Galicia rural, rompendo o silencio duns fogares onde os repartidores son xa como da familia. 

 

 

 

Noticias web

12/06/2020