CRTVG

Buscar

Son xa 51 os hospitalizados na área da Coruña: 47 en planta e 4 en coidados intensivos

Publicado o 18/08/2020 14:48

A curva de casos da covid-19 non deixa de medrar na área sanitaria da Coruña-Cee. Segundo datos do Sergas, os casos activos soben a 921, son 70 máis nas últimas 24 horas.

Mantense a presión hospitalaria con 4 pacientes covid na UCI do CHUAC. O número de hospitalizados en planta é de 47, cinco veces máis ca o 7 de agosto, día en que a Consellería de Sanidade decretou restricións na área sanitaria da Coruña.

Segundo informan desde o CHUAC, as camas destinadas a pacientes covid-19 estanse a activar en función da demanda mentres que o número de camas UCI con respirador dispoñibles se mantén en 60.

As probas PCR masivas para detectar casos positivos asintomáticos, que comezaban este luns en Bergondo e Abegondo, seguen esta tarde no concello da Coruña.

Nas inmediacións do centro de saúde do Ventorrillo realizaranse 1.300 probas entre hoxe e maña a colectivos e traballadores máis expostos ao público, incluídos nas listaxes facilitadas polo concello.

A situación do gromo da residencia de maiores Orpea, no concello de Culleredo, aumentou nas últimas horas ata 13 positivos, 11 residentes e 2 traballadores, todos eles, segundo confirman desde propio centro, asintomáticos.

Noticias web

18/08/2020