Xabier Díaz recupera o claustro do convento de Celanova para a música
A maneira en que está construído o claustro do convento de Celanova convérteo no lugar idóneo para acoller interpretacións musicais, especialmente de música tradicional galega, polo tipo de instrumentos que utiliza. Por iso, Xabier Díaz escolleu este espazo para un dos seus concertos principais do verán co seu grupo Adufeiras de Salitre. A pandemia obriga a reinventar as actuacións e recuperar estes espazos para a arte é a mellor opción.
Xabier Díaz e o seu grupo estiveron acompañados nesta ocasión da violoncellista viguesa Margarida Mariño. Unha colaboración xurdida tamén da elección do claustro do convento, que consegue, pola súa arquitectura, harmonizar as contribucións de cada artista. Mariño tamén estará presente no concerto que hai previsto dentro de dúas semanas, neste caso noutro mosteiro, o de Lourenzá na Mariña luguesa.
Máis de catrocentas persoas puideron gozar deste evento que volveu levar a música tradicional galega a un espazo no que se agarda que cada vez estea máis presente.