CRTVG

Buscar

Van nove positivos en Melide, coa sospeita de que están relacionados co ocio nocturno

Publicado o 18/08/2020 14:33

Un vídeo que circula pola Rede dun establecemento nocturno de Melide activou as sospeitas. Investigan se estas celebracións en que non se gardan as medidas de prevención están detras dos dous gromos rexistrados na vila.

"En principio, todo indica que o gromo está relacionado co ocio nocturno, pero aínda se está investigando", explica Carmen Liñeiras, concelleira de Saúde.

A maioría dos contaxiados son menores de 30 anos. Un dos gromos deuse nun grupo de amigos e outro é familiar.

Algúns veciños móstranse preocupados; outros son conscientes de que os mozos teñen necesidade de saír, pero, aínda así, deben manter as normas de seguridade.

De orixe familiar é o gromo detectado nas últimas horas no concello de Cedeira. Hai sete casos positivos. Nesta área sanitaria, a de Ferrol, tamén se elevan a 16 os casos do gromo relacionado cun campamento en Cerdido.

Tamen suma un positivo máis, e xa son oito, no gromo detectado no cámping de Muros.

Outro dos gromos activos está na área sanitaria de Vigo, que suma unha decena de repuntas. Trátase dunha familia de turistas. Deron positivo o matrimonio e o fillo.

En Pontevedra ascenden a 33 os profesionais do complexo hospitalario universitario que están en corentena nos seus domicilios tras estar en contacto cun paciente positivo ingresado no servizo de pneumoloxía e que faleceu a pasada fin de semana. En total realizaronse 84 probas PCR ao persoal sanitario.

Noticias web

18/08/2020