Xa son seis os mortos polo coronavirus no norte de Italia
As autoridades confirmaron seis vítimas mortais por coronavirus en Italia. A última, un octoxenario da vila lombarda de Lodi. A alarma esténdese por todo o norte do país, onde o número de infectados supera xa os 200.
As cidades de Turín, Milán e Venecia, ordenaron o peche das escolas, dos cines, dos museos, dos teatros e dos bares; ademais suspendéronse as celebracións dos dous últimos días do Carnaval de Venecia.
Para algúns, son medidas de precaución necesarias. Outros cren que algúns comportamentos non teñen moita xustificación.
As autoridades admiten estar desconcertadas porque non saben quen pode ser o denominado paciente cero, responsable da primeira transmisión do virus, aínda que si cren tger localizados os principais focos de contaxio; son once localidades das rexións de Lodi e de Véneto.
O Goberno estableceu medidas excepcionais nestas zonas con controis policiais estritos para que ninguén poida entrar ou saír delas, medida que afecta unhas 50.000 persoas.
Saír de calquera municipio illado será castigado con tres meses de cadea e o Goberno cre que, polo de agora, estas medidas son a única maneira de controlar a expansión do coronavirus.
En España informouse nas últimas horas de catro casos sospeitosos; tres deles deron negativo e estase á espera da análise a un neno de doce anos en Barakaldo que había pouco que regresara dun intercambio escolar en Italia.