Xa son case dous millóns de persoas en todo o mundo as que están infectadas polo coronavirus
Xa son case dous millóns de persoas en todo o mundo as que están infectadas polo coronavirus. O epicentro da pandemia mundial está agora localizado nos Estados Unidos, que rexistra máis de 22.000 mortos e preto de 600.000 contaxiados.
O coronavirus alcanzou xa os 50 estados que forman a unión e Donald Trump anunciou que os autorizaba a todos eles a que poidan declarar o estado de emerxencia.
O epicentro da pandemia segue sendo Nova York, que rexistra nove mil mortos, dos máis de 22.000 que se contabilizan en todo o país, onde o número de contaxiados se aproxima aos 600.000.
Italia, onde a enfermidade se ralentiza pouco a pouco, segue sendo o país con maior número de mortos e aproxímase aos 20.000.
En Francia superáronse os 14.000 nas últimas horas e en cidades como París só se permite facer deporte antes das dez da mañá ou despois das sete da tarde.
No Reino Unido, o país que máis tardou en decretar o confinamento, aproxímase aos 11.000 mortos.
E na China informouse de que nas últimas horas rexistraran o número máis alto de contaxiados, 108, das últimas seis semanas, case todos no norleste do país, na zona fronteiriza con Rusia.