CRTVG

Buscar

Xa se traballa para recuperar as videiras de San Fiz

Publicado o 02/07/2021 20:37

Pouco a pouco van curando as feridas que a treboada de pedrizo deixou nas videiras de San Fiz. A aplicación de tratamentos cicatrizantes, de podas das partes danadas e de fertilizantes nas follas serviu para evitar a morte das plantas. Agora aínda presentan moi mal aspecto e este ano apenas van dar uvas. Pero, alomenos, conseguiuse que non apodreceran e que se poida pensar en volvelas ter a pleno rendemento no prazo de dous anos.
"Empezamos rápido para dar vida á videira. Son plantas duras e agradecidas se se coidan", Explica  Héctor Ferreiro, da Adega Castrofiz

Comezar a recuperación o día seguinte da treboada foi decisivo para salvar as videiras. As técnicas de recuperación varían segundo as parcelas das que se trate e da caste de uva que haxa nelas. As brancas, por ter follas de máis grosor e tamaño, soportaron mellor a desfeita. Os adegueiros seguen lamentando o sucedido pero cren que lles servirá para adquirir coñecementos por se volve acontecer."Agora estamos probando técnicas coa axuda da Universidade de Santiago", sinala Lorena Gay, de Adegas Amedo.

Aínda que se puideron salvar as videiras, calcúlase que se perderon arredor de 700 toneladas de uva nesta parroquia que é das de máis produción de toda a Ribeira Sacra.
 

Noticias web

02/07/2021