CRTVG

Buscar

Xa poden abrir ata as 01:00 h os locais sen licenza de restaurante só para dar ceas

Publicado o 21/05/2021 20:28

• O DOG prorroga a prohibición de xuntanzas de 1 a 6 da mañá

• Hai cambios no ámbito laboral, nas feiras e no lecer infantil 

• Permítese un acompañante en centros de saúde e hospitalarios

Lobios, o único concello en nivel máximo de restricións

Xa poden abrir ata as 01:00 h os locais sen licenza de restaurante só para dar ceas

O comité clínico que asesora a Xunta aceptou a proposta para que bares de tapas e establecementos similares, sen licenza de restaurante pero que ofrezan comidas, poidan atender o público ata a unha da mañá.

Ata agora, este horario só o tiñan concedido os locais de hostalaría con licenza de restaurante. A partir deste venres esténdese este horario aos locais como taperías ou casas de comidas. Tal como confirmou o presidente da Xunta

Iso si, vanse manter o mesmo tipo de requisitos que xa se esixían aos restaurantes: medidor de CO2 e rexistro de clientes. 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a media tarde deste venres a actualización de medidas que a Xunta adoptou na desescalada galega e que, en síntese, permite que os locais de hostalaría sen licenza de restaurante aumenten o seu horario de peche ata a unha da mañá a condición de que sexa "exclusivamente" para o servizo de ceas.   

Nese caso, deberán cumprir os mesmos requisitos que os restaurantes: reserva ou cita previa, rexistro de clientes (que se debe custodiar durante un mes) e que como novidade deixa de esixir o DNI para pedir unicamente nome, apelidos e número de teléfono dos clientes e medidor de CO2 nun lugar visible e ventilación. 

A persona responsable do establecemento, terá a obrigación de custodiar a listaxe, polo menos, un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias e cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal. 

Os requisitos para todos os establecementos inclúen que deberán xestionar a ocupación das mesas para o servizo de ceas a través de reserva ou cita previa.

Prorroga unha semana a prohibición de xuntanzas entre a 1 e as 6 da mañá

A Xunta prorroga as medidas xerais, salvo algúns cambios, que rexen en Galicia desde o levantamento do estado de alarma o 9 de maio. Así, unha semana máis, ata o 29 de maio, seguirán prohibidas as reunións entre a 1 e as 6 da mañá, tanto en domicilios como en espazos públicos. Durante o día, mantense o máximo de seis persoas en espazos exteriores e de catro en interiores ou casas particulares. 

A prórroga destas medidas, xunto co toque de queda entre as 23 e as 6 horas da mañá, unicamente para o concello de Lobios (Ourense), en restricións máximas, deberá ser ratificado novamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que xa avalou as medidas propostas polo Goberno galego na súa primeira petición de ratificación, aínda que lle pediu que nas sucesivas ocasións achegase os documentos en que dixo apoiarse para adoptar as decisións.  

Evitar gromos nos centros de traballo

A Xunta decidiu avanzar na desescalada galega coa apertura progresiva dos locais de hostalaría, pero ao mesmo tempo, o Diario Oficial de Galicia (DOG) establece novidades para atallar as situacións que se dan nos centros de traballo e pon por escrito que é obrigatorio o uso da máscara en todos os espazos laborais.  Concretamente, engádese unha nova "regra". "Nas actividades de ámbito laboral desenvolvidas en espazos comúns ou de uso colectivo, ou en calquera dependencia en que estean varios traballadores e/ou clientes, será obrigatorio o uso da máscara".

Nos centros de saúde e hospitais estará permitida a presenza dunha persona acompañante por usuario, sen outra matización de dependencia ou por situación de embarazo, como era até este momento. Igualmente, permítese unha visita por paciente en UCI sen covid. 

En canto ao lecer infantil, quedan prohibidas as piscinas de bólas, pola súa difícil limpeza, e os inchables soamente poderán utilizarse ata o 30% da súa capacidade.

O DOG tamén establece novidades para a instalación de atraccións de feira, cuxa instalación se permitiu desde o mes de abril, aínda que con ocupación en función da superficie, requisito concreto que se cambia polo da obrigatoriedade de manter a distancia intepersonal e a relación dunha persona por cada tres metros cadrados. En todo caso, só están permitidas naqueles concellos en situación media ou media baixa.

Debe haber unha redución ao 50 por cento no número de asentos no caso de que as atraccións sexan sentadas e no caso de conviventes, non teñen que estar separados. De todas formas, naquelas nas que polas súas características e configuración quede garantida en todo momento a distancia de seguridade interpersoal entre os usuarios, poderanse ocupar todas as prazas dispoñibles.

Lobios, o único concello con peche perimetral

Sobre a situación epidemiolóxica, o número reprodutivo instantáneo, que mide a capacidade de contaxio, segue por baixo dun, salvo en Ourense. Dos 313 concellos, 130 non rexistraron casos de infección nos últimos 14 días e 185 non os rexistraron na última semana.

A incidencia acumulada global é de 36 casos por cada cen mil habitantes a 7 días e de 81 a 14, fronte a 46 e 91 hai unha semana, respectivamente.

O municipio ourensán de Lobios quedará pechado o sábado 22. É o único en situación de nivel máximo de restricións, que tamén inclúe toque de recollida entre as 23 e as 6 horas. Por tanto, Laza, Cambados e Padrón ven alixeirada a súa situación, polo que recuperan a súa mobilidade e volverán ter a hostalería aberta.

Lobios pasou dunha incidencia acumulada de 357,6 a 715,1 nunha semana, polo que, a pesar de ser pouca a poboación que alí vive, feito que significa que con poucos casos aumenta a taxa, é preceptivo o paso ás limitacións máis severas.

Ademais, o comité clínico determinou o nivel alto de restricións en Cambados, Vilanova de Arousa, Moraña, Ponte Caldelas, Mos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Oleiros. Nestes concellos só está aberta a hostalería nas terrazas e a un 50 por cento.

No nivel medio de restricións, con hostalería aberta ao 30 por cento en interiores e ao 50 por cento en terrazas, permanecerán desde o sábado os seguintes municipios: Barbadás, O Barco de Valdeorras, Santiso, Boiro, Rianxo, Padrón, Ordes, Valga, Ames, Carral, Fisterra, Cee, Bueu, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Cangas, Moaña, Salceda de Caselas, Chantada, Viveiro e Cervo.

 

Noticias web

21/05/2021