CRTVG

Buscar

Xa hai toques de queda nocturnos en marcha en España

Publicado o 24/10/2020 20:33

A Comunidade Valenciana decidiu non esperar máis e poñer en marcha xa o toque de queda. De doce a seis da mañá só se poderá estar fóra da casa por razóns de traballo ou forza maior.

 "Porque dous de cada tres gromos teñen orixe social, cunha grande incidencia do ocio nocturno non regulado", explicaba o presidente da Comunidade Valenciana, Ximo Puig.

Súmase así a Castela e León, que o anunciara antes. Alí, o toque de queda estaleceuse a partir das nove da noite.

"Penso que é a única forma por agora", di un home en Valladolid.
"Creo que sería mellor que nos mentalizasen do perigoso que é, que nos educasen, a que nos prohibisen", opina unha moza.

Son dúas das comunidades que bateron marca de contaxios nas últimas 24 horas. Na lista figuran tamén Cataluña, Murcia, o País Vasco, Asturias, Estremadura e a cidade autónoma de Melilla, ademais de Galicia.

As que vemos son imaxes do distrito de Villaverde, en Madrid. A Policía Local irrompía nunha discoteca que, a pesar de carecer de licenza, estaba case chea e ofrecía, ademais de alcohol, cachimbas, prohibidas para uso compartido.

Precisamente, mentres boa parte das autonomías reclaman a declaración do estado de alarma para facilitar as restricións, Madrid saíu dese estado e retomou o seu sistema de limitacións por áreas sanitarias.
En concreto, a partir do luns, confina perimentralmente trinta e dúas zonas básicas de saúde; e xa desde esta medianoite prohibe as reunións nocturnas de carácter social entre non conviventes en toda a rexión.
A presidenta Ayuso pediulle a Pedro Sánchez que respecte as medidas de Madrid en caso de que decida decretar o estado de alarma en todo o territorio.
 

Noticias web

24/10/2020