CRTVG

Buscar

Xa están dispoñibles as axudas da Xunta para renovar electrodomésticos

Publicado o 02/07/2020 14:50

Xa comezaron a solicitarse as primeiras axudas do plan Renove de electrodomésticos posto en marcha pola Xunta. Desde onte están dispoñibles. Hoxe ábrese o prazo tamén para as instalacións de domótica.

Os establecementos comezan a recibir os primeiros clientes interesados en solicitar esas axudas tanto para a compra de electrodomésticos como para instalacións de domótica no fogar.

A Xunta subvenciona o 25 por cento dos aparatos e ata o 50 por cento ou o 75 no caso de consumidores vulnerables. Máis de 9.000 familias galegas se beneficiarán deste plan, que tamén ten por obxectivo a recuperacion do sector tras a pandemia. 

Para o sector é un incentivo á compra moi necesario nun momento no que precisa recuperarse logo dunha baixada nas vendas pola crise sanitaria.

A solicitude da axuda realízase no propio establecemento, que se encarga da súa tramitación.

Máis de 9.000 familias galegas poderán renovar os seus electrodomésticos ou instalar sistemas de domótica enerxética. Entre os obxectivos do plan destaca o aforro enerxético e a redución de emisións.

A subvención é de ata o 25 por cento do prezo do electrodoméstico e ata o setenta e cinco para os consumidores máis vulnerables. As axudas poden solicitarse ata o trinta de setembro.

Noticias web

02/07/2020