CRTVG

Buscar

Washington vai tomar medidas contra Maduro polo ocorrido este sábado

Publicado o 24/02/2019 21:36

A situación en Venezuela pode xirar nas próximas horas en función do que se decida en Bogotá na reunión do grupo de Lima. Alí estará Guaidó que busca o xeito de incrementar a presión sobre o réxime chavista.

Guaidó reúnese mañá en Bogotá co Grupo de Lima e co vicepresidente dos Estados Unidos. Desde Washington avanzaron que van tomar medidas contra Maduro polo ocorrido onte e que todas as opcións están sobre a mesa, algo que o propio Guaidó pedira horas antes.

Juan Guaidó. Presidente da Asemblea Nacional de Venezuela: "Non imos descansar ata lograr a liberdade de Venezuela. Á comunidade internacional, o noso agradecemento. Pedímoslle que se manteñan todas as cartas sobre a mesa".

O goberno de Maduro tildou a Guaidó de perigoso e puxo en dúbida que a súa intención onte fose levar axuda a Venezuela. As fronteiras seguen bloqueadas e nas localidades limítrofes aínda se ven os rastros dos enfrontamentos cos que concluíu o intento de introducir a axuda. Choques que, segundo a oposición, deixaron como mínimo catorce mortos e preto de 300 feridos.

Dous dos camións que transportaban os alimentos e as medicinas acabaron queimados. O resto regresou ás súas bases para resgardala carga.


 

Noticias web

24/02/2019