CRTVG

Buscar

Vueling anuncia novas conexións que unirán Santiago con Ibiza, Sevilla, Menorca e Valencia

Publicado o 31/03/2021 19:01

• Aumenta tamén a frecuencia de voos con Barcelona 

Vueling anuncia novas conexións que unirán Santiago con Ibiza, Sevilla, Menorca e Valencia

A empresa Vueling anunciou catro novas conexións que unirán Santiago de Compostela con Ibiza, Sevilla, Menorca e Valencia e que empezarán a operar a partir do mes de xuño. 

A nova conexión a Ibiza contará con dúas frecuencias semanais a partir do 12 de xuño, con voos cada martes e sábado, mentres que a conexión con Sevilla empezará o 20 de xuño e unirá a capital andaluza coa galega os martes, xoves, sábados e domingos.   

Días despois iniciarase a liña con Valencia, o 23 de xuño, con dúas frecuencias semanais (mércores e sábados), e o 26 de xuño a aerolínea inaugura as conexións con Menorca, con dúas frecuencias semanais.   

A compañía tamén aumenta a súa oferta de asentos en 15 conexións domésticas con maior demanda coa fin de ir recuperando o nivel de servizo que se tiña antes da pandemia. Así mesmo, incrementa a frecuencia dos voos entre Barcelona e Santiago de tres a cinco voos semanais a partir do 7 de abril.   

Marea Atlántica, pola súa banda, reclamou a dimisión do edil de Turismo da Coruña, Juan Ignacio Cordeiro, e a comparecencia urxente da alcaldesa, Inés Rey, na comisión de turismo local ante as novidades anunciadas por  Vueling para Galicia e que achacan á xestión do goberno socialista. 

En concreto, a formación refírese á decisión da compañía de retirar os roteiros a Sevilla e Valencia do aeroporto de Alvedro e o seu paso a Santiago de Compostela, o que agravará "a constante perda de voos e relevancia" do aeródromo coruñés "desde que goberna o PSOE" na cidade.