CRTVG

Buscar

Volven os caloteiros ao Camiño Francés

Publicado o 25/08/2021 13:59

Volven os caloteiros ao Camiño Francés. A Garda Civil identificou e denunciou tres persoas en Arzúa por facerse pasar por membros dunha organización benéfica, para a que recadaban cartos. Xa tiñan antecedentes por feitos semellantes.

Este é o momento da detención. Son dúas mulleres que se facían pasar por membros dunha asociación benéfica mentres un home as agardaba no coche. A Garda Civil identificounos como presuntos autores dun intento de delito de estafa. A denuncia partiu dunha chamada duns axentes fora de servizo que estaban facendo o Camiño. Viron que as mulleres molestaban aos peregrinos en Arzúa. As tres persoas identificadas pola Garda Civil posuían numerosos antecedentes por feitos semellantes. Parece que estes calotes están a ser moi frecuentes no Camiño. Fai uns días a Garda Civil denunciaba a outros presuntos autores dun calote en Sarria. Eran tres persoas que se facían pasar por voluntarios dunha ONG e pedían donativos para colaborar coa entidade.

Algúns peregrinos din que atoparon xente que lles pedía asinar, non pedían cartos, só asinar pero non atoparon nada máis. Outros que lles pediron sinaturas hai un par de días para Cáritas. Puxéronse entre os peregrinos e ían cun papel e un bolígrafo, pedindo, que nin falaban, dixéronlles que non e seguiron camiño.

Os axentes foron alertados destes feitos por distintos camiñantes. Deron cos presuntos voluntarios, que en canto se decataron da presenza policial emprenderon a fuxida. Os detidos tentaron desfacerse dunha serie de documentos, que foron recuperados polos axentes posteriormente: listaxes con sinaturas e datos persoais dos peregrinos que estafaran.

Noticias web

25/08/2021