Volven os arrombacoches á contorna do hospital de Lugo
Levaban meses sen desenvolver a súa actividade, pero nas últimas semanas volveron á contorna do hospital Lucus Augusti de Lugo. Son os arrombacoches, que dende primeira hora da mañá lles indican aos condutores onde aparcar a cambio dunhas moedas.
"Díxome onde aparcar, deille un euro e máis nada. Pero non me chista que anden moito por aí", coméntannos no aparcadoiro. "Ás veces incluso aparecen coches con danos, non sabemos se debido á presenza desta xente ou doutros que aproveitan. O caso é que isto segue a producirse e a min non me parece correcto para nada".
Cun total de tres arrombacoches nas inmediacións deste hospital, descendeu o seu número con respecto a principios de ano, cando chegaron a contabilizarse ata sete persoas a reclamar unha propina por axudar a aparcar.
Así e todo, non deixan de suscitar as queixas dos condutores, que demandan unha maior presenza policial na zona.
Estímase que cada arrombacoches obtén uns mil euros de beneficio ao mes con este servizo á marxe da legalidade.