CRTVG

Buscar

Volven as visitas ao Pórtico da Gloria, de balde e con grupos reducidos

Publicado o 14/04/2021 20:53

Unha sorpresa de policromía, un impacto automático logo daqueles dez anos de restauración, logo destes meses co Pórtico da Gloria inaccesible polas restricións da pandemia. Agora xa podemos volver contemplalo dende este lado do peche perimetral.

"Temos que poñer en valor o noso para os nosos", di Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral. "Calquera de Galicia pode achegarse, cun horario amplo, de mañá e de tarde. Creo que todo isto facilita o turismo interior, pero tamén ese camiño de volta á normalidade, tamén dende a perspectiva devocional".

Serán, son xa visitas de grupos limitados a vinte persoas, cunha duración máxima de vinte e cinco minutos. Cada semana un milleiro de visitantes poderán ler este libro de pedra.

"É mandar un sinal de optimismo, de que todo isto ten que empezar a renacer despois deste ano tan difícil", engade o vicepresidente Alfonso Rueda.

O convenio entre a Xunta e a Fundación Catedral permite que sexan visitas gratuítas. E libres, polo de agora sen guía. Só que hai que retirar unha invitación no Museo da Catedral, onde chaman á responsabilidade dos visitantes: no templo mírase, pero non se toca.

"De dous metros para abaixo o nivel de deterioración é moito maior que de dous metros para arriba. Por que? Porque é ata onde chegan as mans", apunta Lorenzo.

O Pórtico da Gloria continúa encapsulado en madeira para protexelo dos cambios de humidade e temperatura. Nas visitas haberá que acceder dende o interior da catedral.

Noticias web

14/04/2021