CRTVG

Buscar

Volven as cacharelas para San Xoán, pero en formato reducido

Publicado o 30/05/2021 19:32

Nunha entrevista na Radio Galega, o conselleiro de Cultura admitiu que vai un pouco xusto para o San Xoán, xa que faltan pouco máis de vinte días, pero confirmou que este ano si se poderán celebrar as tradicionais cacharelas.

"Posiblemente as cacharelas, tal como as coñecemos de modo tradicional, non poidan ser, pero en formatos reducidos, en formatos máis cativos, obviamente cunhas certas medidas e sobre todo coa responsabilidade das persoas, si se poderán facer, se os concellos as autorizan", asegurou Román Rodríguez, conselleiro de Cultura.

Tamén se están ultimando os detalles para as probas piloto do 19 de xuño de festas e verbenas. O conselleiro non quixo adiantar que espectáculos e que orquestras van participar nestes ensaios.

"Temos seis, estamos ampliando a unha localidade máis para intentar cubrir xeograficamente toda Galicia con áreas de influencia e estamos falando coa asociación galega de orquestras, con AGO, para seleccionar en cada zona unha das orquestras que son tradicionais e que son habituais nesas contornas", incide Román Rodríguez, conselleiro de Cultura.

O titular de Cultura destacou a importancia destas festas e verbenas, das que viven unhas 5.000 familias, e pediu responsabilidade non só aos asistentes, tamén aos organizadores e promotores.

Noticias web

30/05/2021