Volven as atraccións de feira á Festa da Alegría en Vigo
Volven as atraccións de feira, que levaban ano e medio paradas. Hoxe comezou no barrio vigués do Calvario a Festa da Alegría, unha das primeiras oportunidades que imos ter en Galicia para volver montar nas atraccións en funcionamento.
Cinco días de festa marcados polas restricións sanitarias. Para asistir aos concertos da Festa da Alegría, que se celebra en Vigo do dous ata o seis de xuño, haberá que facelo cedo, porque entrarán os que primeiro cheguen e terán que estar sentados.
As entradas e saídas estarán delimitadas e controladas. É ao aire libre e de novo será posible montar nas atraccións de feira, que levan meses paradas. Iso si, con limitacións de ocupación: nas que son de pé, a acollida será da metade. Nas que se vaia sentado, só poderán ocuparse tres de cada dez asentos.
Alberto Freitas, dono de atraccións di que as comisións de festas e os concellos pensan que non hai seguridade, pero asegura que hixienizan todo e fan por que se cumpra a distancia de seguridade.