Volven absolver unha traballadora do Sergas acusada de acceder ao historial da filla sen autorización

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, absolveu unha empregada do Servizo Galego de Saúde (Sergas) acusada de utilizar a súa clave de acceso persoal para, desde o seu posto de traballo, realizar 68 accesos á historia clínica da súa filla para coñecer datos relacionados co seu estado de saúde.
Os maxistrados basean a absolución do delito continuado de descubrimento de segredos relativos á saúde da vítima cometido por funcionario público en que non se acreditou que a sospeitosa realizase os accesos sen contar coa autorización da súa filla. "Remitímonos ao estreito vínculo entre as partes, que leva a considerar hipótese razoable a existencia dun consentimento non escrito", destaca o tribunal.
A acusada xa resultara absolta o ano pasado nun primeiro xuízo, que despois o TSXG ordenou repetir, entre outras cousas por non estar a sentenza suficientemente razoada. Agora a Audiencia ratifica aquela primeira condena que fora anulada.