CRTVG

Buscar

Volven a Santiago 10 anos despois de facer o Camiño co seu fillo de bebé

Publicado o 27/07/2021 14:53

Pilar, Vicente e o seu fillo Jacobo chegan por fin ao Obradoiro despois de máis de 800 quilómetros de pedaladas. Unha viaxe que comezou en Zaragoza o 15 de xullo, pero que para eles ten un significado moi especial, xa que que o seu fillo se chame Jacobo non é casual.

Como di Pilar Burillo, "en 2010 fixemos por primeira vez o Camiño, e o Apóstolo bendeciunos co noso fillo Jacobo, que foi concebido aquí. Dezanove meses despois volvimos facer o Camiño con el de bebé pero non quixeron darlle a Compostela porque dicían que era moi pequeno, así que fixemos a promesa de volver no próximo Ano Santo".

Aquel bebé converteuse xa nun peregrino que con 10 anos pode presumir de ter feito o Camiño dúas veces, primeiro nun remolque de bebé e agora nunha bicicleta tándem co seu pai. Como conta o propio Jacobo, "o noso lema é que un por un somos fortes, pero no tándem somos invencibles. Foi unha viaxe moi bonita".

Esta peregrinación tivo unha compoñente solidaria, xa que colaboran coa ONG aragonesa Tándem Solidario (www.tandemsolidario.com). Como explica Vicente Formigós, "é unha iniciativa que se fai eco das problemáticas dos nenos. Este ano fixemos a viaxe por Diego, un neno que ten parálise cerebral e é da mesma idade que Jacobo." Pilar e Vicente, ambos enfermeiros, traballaron en Aragón facendo fronte ao coronavirus dende o comezo da pandemia, polo que tamén queren dedicarlle esta viaxe a todo o persoal sanitario co que loitaron unidos contra a covid.

Por fin Jacobo pode presumir da súa Compostela e da súa terra, xa que como di el mesmo tamén se considera galego: "como fun encargado en Santiago de Compostela, eu síntome galego e ás veces fálolles aos meus pais con acento galego".

O camiño aínda non rematou para esta familia aragonesa, xa que mañá partirán cara Fisterra, e despois teñen pensado volver a Zaragoza tamén en bicicleta polo Camiño do Norte.

Noticias web

27/07/2021