Volve subir o número diario de falecidos en España: 757 vítimas
• 14.555 vítimas mortais desde que comezou a pandemia do coronavirus
• Aumenta un 4,3% o número de contaxios nas últimas 24 horas
• 48.021 persoas xa están curadas
Son 757 vítimas mortais nas últimas 24 horas, soben desde onte o número de falecidos e contía a racha de caída que se viña producindo no días anteriores. O número de falecidos en España desde que comezou a pandemia do coronavirus elévase a 14.555, segundo os datos facilitados polo Ministerio de Santidade.
Os últimos datos de Sanidade non confirman o número total de persoas que neste momento están ingresadas na UCI porque ainda faltan comunicalo, a estas horas as comunidades de Madrid, Castela-A Mancha, Castela e León, Galicia e a Comunidade Valenciana. Desde que comezou a pandemia, as persoas contaxiadas por coronavirus que tiveron que ser hospitalizadas en España son máis de 60.000.
Nas últimas 24 horas tamén se detectaron 6.180 positivos, o que significa un crecemento do 4,3%; unha porcentaxe que se mantén, pero que está lonxe do 14% inicial que había no conxunto de España. Cos novos positivos en coronavirus, oficialmente, hai un total de 146.690 persoas con COVID-19.
O dato positivo é que 48.021 persoas xa están curadas.
As comunidades autónomas máis afectadas seguen sendo Madrid, con 42.450 positivos en COVID-19. Nesta comunidade había onte 1.494 persoas na UCI; Cataluña ten 29.647 contaxiadas, 2.442 na UCI. E xa afastadas, as comunidades de Castela-A Mancha, con 11.788 persoas contaxiadas, e Castela e León, con 10.058. A comunidade menos afectada segue sendo Murcia, con 1.326 contaxios. E moi afastadas en positivos, as cidades autónomas de Melilla, con 93 casos, un caso máis ca onte, e Ceuta, con 84, tamén un caso máis ca onte.
Sanidade di que agarda que nos próximos días se confirme o cambio de tendencia e que, mentres, traballa xa na seguinte fase. A fase para levantar o confinamento está aínda en estudo e será progresiva. Relaxar medidas obrigará a intensificar a vixilancia e a detección precoz para garantir que o virus non volva circular coma antes. E os expertos advirten de que non vai ser doado, porque é a primeira vez que nos enfrontamos a unha pandemia así.
Na detección precoz axudarán os tests de anticorpos que acaba de repartir o Goberno ás comunidades autónomas. Sanidade insiste en que a proba máis fiable para confirmar se alguén está enfermo, sobre todo nos primeros días, segue sendo a PCR. Os tets servirán de apoio diagnóstico e para detectar os que xa o pasaron sen síntomas. Son os mesmos test que está utilizando Alemaña masivamente.