CRTVG

Buscar

Volve o programa "Elixe Galicia" e con el, as viaxes turísticas en grupo

Publicado o 30/05/2021 14:36

Ferrol, dez da mañá. Toñi, Cándida e nove galegos máis están a punto de emprender desde aquí unha viaxe de pracer. Uns ao balneario de Cuntis e outros ás Rías Baixas. Son as primeiras escapadas que fan en moito tempo.

Arrancan así as viaxes turísticas en grupo, tras meses de inactividade pola pandemia, do programa "Elixe Galicia". Son viaxes subvencionadas pola Xunta para maiores, mozos e familias con nenos. Hai catro opcións para elixir. "Rutas de patrimonio histórico-artístico, espazos de natureza e montaña, estadías en balnearios e vacacións nas zonas costeiras; e todas elas duran de tres a cinco días", explica Tatiana, unha das guías que acompaña os grupos.

autobuses recollen máis viaxeiros de camiño, coma estes que agardan na Coruña.
Outros dous grupos partiron ao tempo desde Pontevedra e Vigo cara a Viveiro para gozar da costa da Mariña. En total, 138 viaxeiros. A estas horas xa están todos nos seus destinos. Vemos a chegada a Cuntis dos que se decantaron polo turismo termal. O hotel do balneario reabriu para eles.

Preto de 4.500 persoas solicitaron praza no programa, 3.200 xa reservaron data. Pero quedan prazas libres. Os interesados só teñen que ir á súa axencia de viaxes de confianza para informarense e reservar. As viaxes, que inclúen transporte, aloxamento, pensión completa, excursións e guía oscilan entre os 129 e os 222 euros.

Noticias web

30/05/2021