Volve o Gran Fondo Ézaro, o evento galego máis multitudinario pospandemia
Os amantes do ciclismo, do cicloturismo, recuperan pouco a pouco as citas imprescindibles. O once de xullo volve o muro, volve o Gran Fondo Ézaro.
"O ciclista popular gusta cada vez máis deste tipo de retos. Non existe nada parecido a nivel de poder ensinar un territorio", asegura Ezequiel Mosquera, un dos organizadores.
Será o evento máis multitudinario en Galicia despois da pandemia. Prevese a presenza de mil ciclistas. Todos pasarán os pertinentes controis de antíxenos para participar.
"Hai unha expectación tremenda de participar, de forma segura. Se ofreces algo seguro a xente está desexando facer deporte e desfrutar da bici", reflexiona Mosquera.
A beleza da Costa da Morte, o desafío de subir pola rampla de cemento ao trinta por cento de desnivel. Iso é o Gran Fondo Ézaro.