CRTVG

Buscar

Volve a Feira do Libro de Santiago, a primeira en España tras o confinamento

Publicado o 13/06/2020 14:43

 

 

"Non contaxian pero enganchan". Con este lema os libros volveron tomar posicións na Alameda de Santiago. É a primeira feira do libro que se celebra en España tras a corentena e mesmo pode que sexa a primeira en Europa.

A Feira regresa con medidas excepcionais para recuperar con seguridade e sen temores a interacción entre lectores, escritores e libreiros.

Había ganas no sector e tamén entre os compradores. A feira, que acolle cinco librerías e unha editora, vai recibir trinta e cinco profesionais da literatura.

A xornada inaugural, que arrancou co pregón da escritora María Solar, contará tamén coa presenza de autores como Elba Pedrosa e Xosé Antonio Neira Cruz.

Nos próximos días virán asinar os seus últimos títulos Manuel Rivas, Rosa Aneiros e Manuel Portas, entre outros.

A feira estará aberta ata o domingo 21, de once e media a dúas da tarde e de cinco e media a nove.

 

Noticias web

13/06/2020