Comeza o terceiro curso en pandemia: 9.000 alumnos menos ca antes da covid

Chega á súa fin a conta atrás para o comezo do novo curso escolar 2021/22. Esta semana incorpóranse ás aulas o próximo xoves 187.624 estudantes de infantil, primaria e educación especial. As cifras supoñen un descenso de 4.382 escolares (3.3673 en centros públicos) fronte ao curso anterior e case 10.000 menos respecto do de 2019/2020, o último antes da covid-19.
A principal caída de matrículas aparece na etapa de primaria, con 5.392 alumnos menos que antes da pandemia, e 2.482 menos que o ano pasado, mentres que en infantil son 3.829 menos que no curso de 2019 e 2.356 menos que en 2020. Só educación especial presenta unha suba do alumnado, aínda que só son seis máis respecto do último curso.
O terceiro curso con coronavirus comeza co 96 % dos docentes e administrativos vacinados e coa relaxación das medidas. A preocupación principal agora é a variante Delta, a cepa dominante nos contaxios en España e Europa.
Asociacións de nais e pais, profesores e directores de centros reclaman que se manteña todo o aumento do profesorado. Así aseguran poderían manterse medidas de prevención como a distancia de seguridade nas aulas, e non reducila como está previsto a 1,2 metros