CRTVG

Buscar

Volkswagen garante ante Filipe VI que fabricará coches eléctricos na Seat de Martorell

Publicado o 05/03/2021 20:40

O rei estivo hoxe en Cataluña. Filipe VI, acompañado de Pedro Sánchez, visitou a fábrica de Seat en Martorell. O monarca garantiu o apoio institucional para liderar a fabricación de vehículos limpos. O presidente de Volkswagen confirmou que a planta catalá producirá coches eléctricos.

O rei chegou a Martorell acompañado polo presidente do Goberno e a ministra de Industria. Era unha visita pendente desde o ano pasado, anulada daquela pola corentena do monarca. Este venres, Filipe VI si puido percorrer a cadea de montaxe e a área de innovación da planta. Os responsables do grupo Volkswagen, ao que pertence Seat, confirmaron os seus plans para investir 5.000 millóns de euros ata 2025 e construír aquí un vehiculo eléctrico.

Herbert Diess, presidente do grupo Volkswagen "En España, prevemos a construcción local de coches eléctricos aquí en Barcelona, en Martorell"
Wayne Griffiths, presidente de Seat: "Queremos electrificar Seat e España e queremos liderar a recuperación económica do país"

A compañía pídelles ás institucións un ecosistema para o coche eléctrico. O rei respondeu que o apoio de España será absoluto e fixo un chamamento para despregar puntos de recarga, incentivar a compra destes vehículos e crear uha fiscalidade medioambiental adecuada.

"España e todas as súas institucións imos estar aí. Temos condicións únicas para liderar a transición cara á fabricación de vehículos limpos e non unicamente coa ensamblaxe dos mesmos senón coa fabricación de todos os compoñentes da cadea de valor"

Non houbo referencias á actualidade catalá, pero si un eloxio á capacidade emprendedora desa terra.

"Unha terra que representa o espírito global, audaz e emprendedor que debe identificarnos cos tempos de cambio que veremos no mundo"

Ningún representante da Generalitat acudiu á visita. Ás portas da factoría, houbo protestas convocadas polas plataformas independentistas.
 

Noticias web

05/03/2021