CRTVG

Buscar

Racha o cono principal do volcán da Palma e o comité de crise chama á tranquilidade

Publicado o 25/09/2021 23:04

O cono principal do volcán da Palma rachou e deixa "unha coada enorme" en dirección ao mar, segundo constatou o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME) grazas ás imaxes dos drons. O xeólogo Carlos Lorenzo informou nun vídeo difundido nas redes sociais que as imaxes amosan perfectamente que o cono está roto.

Este anuncio prodúcese pouco despois de que o Instituto Vulcanolóxico das Canarias (Involcan) anunciara a apertura dun novo foco de emisión desde a súa conta de Twitter. O foco de emisión localízase máis ao oeste do foco principal, precisa o organismo científico, dependente do Cabido de Tenerife.

Este foco súmase ás dúas novas bocas eruptivas que se abriron o venres e obrigaron a evacuar tres das zonas máis ameazadas. O volcán permanece activo desde o 19 de setembro e de momento obrigou á evacuación dunhas 6.000 persoas, tras arrasar medio milleiro de vivendas, cultivos e infraestruturas.

Chamamento á tranquilidade

Tras os últimos acontecementos, o director técnico do Plan Especial de Protección Civil e Atención de Emerxencias por Risco Volcánico (Pevolca), Miguel Ángel Morcuende, fixo un chamamento á tranquilidade. Segundo dixo, malia ter cobrado enerxía dende o mediodía do venres "trátase dunha típica erupción estromboliana canaria".

"Non estamos ante un volcán que haxa que magnificar", a pesar das dúas novas bocas que se abriron o venres, a terceira aberta deste sábado ou o derrube parcial do cono volcánico, "non é un fenómeno máis explosivo dos habituais nas Canarias", subliñou. Isto non significa, agregou, que a erupción volcánica non teña o seu perigo.

Sobre a rotura parcial do cono volcánico, advertida polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, Morcuende explicou que é un proceso que se produce porque o cono principal non aguanta o seu propio peso polo material que lanza e que acumula no seu cráter. Con todo, apuntou que se está a facer un seguemento monitorado continuo do volcán.

Noticias web

25/09/2021