CRTVG

Buscar

Vodas en tempo de pandemia: pequeno formato, sen barra libre e con posibilidade de adiamento

Publicado o 25/05/2021 13:21

En formato reducido, sen barra libre e con dispensadores de xel hidroalcólico entre as grilandas e os arranxos florais. As vodas reinvéntanse para adaptárense ao tempo da pandemia. E fano xa na cerimonia, con asistencia limitada, e no aperitivo previo ao xantar.

Rubén Núñez, responsable dunha empresa de cátering, explica que "está prohibido todo tipo de buffets e comida exposta que sexa susceptible de tocar varias persoas á vez, así que servimos sempre os aperitivos de forma individualizada". As parellas que comezan agora a planificar o seu casamento apúntanse ao carpe diem.

Marta Rivadulla, organizadora profesional de vodas, constata que agora "recibimos moitísimas solicitudes nos últimos dous meses para facer vodas dentro de dous meses, cando normalmente traballamos coas parellas durante un ano, practicamente... este ano os tempos son máis curtos".
Porque unha alta porcentaxe dos banquetes programados para os vindeiros meses son os que tiveron que adiarse pola emerxencia sanitaria, e iso tamén inflúe á hora de organizar a voda.

"Unha das cousas que xa xente ten máis en conta agora e á que antes practicamente non se lle prestaba atención é a posibilidade de cancelación ou adiamento da data", asegura Marta.

A campaña de vodas arranca con cautela, pero tamén con optimismo.

"Estamos traballando duro para que os eventos sexan lugares seguros", di Marta Rivadulla. Rubén Núñez corrobórao, e engade ademais que "hai moitísimas ganas, moitísima ilusión por celebrar".

Segundo os últimos datos oficiais, nos nove primeiros meses de 2020 formalizáronse algo menos de 4.000 vodas en Galicia, lonxe das case 7.500 do mesmo período do ano anterior.

Noticias web

25/05/2021