Vixían os ríos da conca Miño-Sil polo risco de asolagamentos en Ourense
A enchente do Miño obsérvase en ambas as dúas marxes do río ao seu paso pola cidade de Ourense. Reborda en varios puntos, desde as pozas da Chavasqueira ás do Muíño da Veiga, pasando polo Tinteiro, onde xa sinalizaron para controlar o paso.
"O Tinteiro non se ve. Só sobresae a panca de darlle á auga, o resto está todo inundado", comenta un veciño.
En só unha semana, o nivel de ocupación dos encoros aumentou preto dun dez por cento. A media sitúase no 72 por cento, lonxe aínda do 80 por cento que alcanzaba hai un ano, no inverno máis chuvioso en dúas décadas.
Carlos Ruiz del Portal, xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica da CHMS: "Recolléronse case 200 litros por metro cadrado desde o 18 de xaneiro. É unha cantidade importante de auga, pero moi repartida. Non foron chuvias moi intensas".
O resto dos ríos da conca tamén levan crecendo en caudal desde principios da semana.
Xa houbo rebordamentos puntuais do Arnoia en Baños de Molgas e en Ribadavia as forzas de seguridade vixían o Avia, moi cheo nos lugares da Quinza e A Veronza.
A Confederación Hidrográfica mantén as previsións para toda a vindeira semana, con acumulacións máximas duns 20 litros por metro cadrado.