CRTVG

Buscar

Vitorias do Leyma Coruña e o Ibereólica na LEB Ouro

Publicado o 10/04/2021 15:24

Na LEB Ouro volveu emerxer a figura de Zach Monaghan, que lle deu ao Leyma Coruña un triunfo de prestixio na pista do Castelló. A actuación do base norteamericano foi decisiva. Asumiu a responsabilidade nos momentos quentes de partido co seu acerto desde o perímetro, cinco triplas e 23 puntos en total, e buscou aos seus compañeiros, con seis asistencias contabilizadas. Nun espectacular intercambio de golpes entre os dous equipos, o local Adala colocaba o Castelló un arriba a falta de medio minuto. Na seguinte acción, o Monaghan acompasou o balón os segundos suficientes para rachar o seu rival e atopar un pase ao seu compañeiro Lottana Nwogbo, que definiu con contundencia. Tiveron tempo os locais para un forzado último lanzamento pero sen acerto para variar o desenlace.

O triunfo era necesario, o mesmo que o do Ibereólica Renovables Ourense. A loita pola permenencia só admitía un triunfo na pista do defenestrado Canoe. E a vitoria chegou ademais con contundencia, por 20 puntos, nun partido no que os ourensáns foron de menos a moito máis. O perímetro galego, con 14 triplas, fixo estragos. Spight, Henríquez, Dimitrijevic, Mazaira e Uriz martelearon o aro madrileño sen piedade. Unha boa saída tras o descanso valeulles aos de Gonzalo García de Vitoria para cimentar un éxito imprescindible.

Noticias web

10/04/2021