CRTVG

Buscar

Vítimas do Alvia esixen que Cortabitarte, Ana Pastor e José Blanco pidan perdón

Publicado o 27/05/2021 16:30

Vítimas do descarrilamento do Alvia en Angrois, o 24 de xullo de 2013, esixen que o exdirector de Seguridade na Circulación do Adif Andrés Cortabitarte, quen renunciou ao seu cargo, pida perdón, do mesmo xeito que llo reclaman a Ana Pastor e José Blanco, exministros de Fomento.

Ademais, reclaman unha investigación independente e real, algo que non fixeron, din nun comunicado, "nin os gobernos do PP, nin do PSOE, nin o deste último en coalición con Unidas Podemos".

"Ao longo destes anos vítimas, familias e amigos tivemos que ir a Europa para ser tratados como verdadeiros cidadáns e loitamos moito para desmontar a verdade oficial", aseguran.

Nese comunicado, a plataforma indica que Ana Pastor e José Blanco deberían "seguir os pasos" de Cortabitarte e "deixar calquera cargo público", pois entenden que é a única maneira de "asumir a súa responsabilidade".

"José Blanco debe deixar a súa porta xiratoria da vergoña en Enagás, empresa da que o Estado é o seu maior accionista, e Ana Pastor o seu cargo de vicepresidenta do Congreso", manteñen.

O ministro de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, asegurou que o cesamento de Andrés Cortabitarte na Subdirección de Xestión Loxística de Aprovisionamento do Adif responde a intención de "empatizar" coas vítimas. A decisión di Ábalos, "non é corporativista, senón que resposta a queríamos empatizar coa sensibilidade e reivindicacións das vítimas".

O ministro explicou, ademais, que Cortabitarte "segue sendo empregado do Adif, pero sen ningunha responsabilidade".

O maquinista Francisco José Garzón Amo e o xefe de seguridade do Adif cando se puxo en marcha a liña ferroviaria Santiago-Ourense, Andrés Cortabitarte, son os únicos que serán procesados polo accidente que custou a vida a 80 persoas, nun xuízo para o que aínda non está fixada a data.

Noticias web

27/05/2021