CRTVG

Buscar

A plataforma Vítimas do Alvia maniféstase diante do Congreso para pedir unha investigación independente

Publicado o 26/02/2020 07:57

A Plataforma de Vítimas concentrarase ás portas do Congreso coincidindo coa comparecencia de José Luis Ábalos na Comisión de Transportes.

Solicitan, hoxe como dende hai máis dun ano, unha reunión co ministro e a apertura dunha investigación técnica independente.

A plataforma de vítimas, tal e como informa nun comunicado, decidiu protestar ante o edificio da Cámara Baixa despois de "máis dun ano solicitando reiteradamente unha reunión (con Ábalos) a través dos medios de comunicación, por carta, por correo electrónico, por teléfono".

Tamén "a través do seu director de Gabinete, o señor Vázquez e dirixíndonos por escrito á secretaria particular do ministro, Carolina Martín, e ao secretario de Estado Pedro Saura", subscriben.

En opinión das vítimas é "indignante que nin sequera se nos conteste".

Así, segundo lamentan na nota, o trato que están a recibir "non é democrático nin humano, máxime aínda cando falamos de cargos públicos, cuxo principal obxectivo debe de ser o de estar ao servizo da cidadanía e da verdade".

Ademais, aseguran que a lei do sector ferroviario permite ao ministro Ábalos cesar os membros da CIAF e crear unha nova investigación técnica independente, "que é o que queremos as vítimas para saber a verdade e o que merece a cidadanía para poder mellorar a seguridade ferroviaria española e europea", conclúen.

Noticias web

26/02/2020